Por Miguel Calvo Santos
“Cando un verdadeiro xenio aparece no mundo, recoñecerédelo por este signo: todos os necios se conxuran contra el” (Johnathan Swift)
Con esta cita comeza unha novela chea de humor, mala hostia e deliciosa crítica social cuxo protagonista, o obeso Ignatius Reilly, paséanos polo seu particular mundo, esa Nova Orleans tan patética como descojonante.
O seu autor, John Kennedy Toole suicidouse con só 31 anos deixándonos este divertido retrato do absurdo da existencia humana que nos leva da risa ao choro, pasando pola vergoña de pertencer á nosa especie, e faino dun xeito tan inquietante, que non podemos máis que preguntarnos canto de Ignatius Reilly e as demais esperpénticas personaxes da novela hai en nós.
O misántropo Ignatius Reilly e os necios que conxuran contra el transcenden a ficción e fan de “A conxura dos necios”, na miña humilde opinión, a mellor novela xamais escrita. Divertida e adictiva, a súa lectura é absolutamente imprescindible para comprender “as leis da teoloxía e a xeometría”.
A historia é a seguinte:
Ignatius ten 30 años y aínda vive a expensas da súa nai. Considerándose a si mesmo un xenio incomprendido, encérrase no seu dormitorio ao marxe da mediocre sociedade para escribir as súas xenialidades, e como un neno malcriado, recibe todo o que pide por parte da súa protectora nai.
Para o grotesco Ignatius, nada está á súa altura. Soña con volver a un mundo medieval no que a súa moral goberne sobre o mundo capitalista que tanto odia. Para isto escribe cadernos e cadernos de anacrónica filosofía, que confía en que serán algún día xusta e merecidamente apreciados, pero por designios do destino, a súa labor será interrompida ao verse obrigado a traballar como os demais insignificantes seres humanos para pagar a reparación dun accidente de coche provocado por el.
Así comeza unha peregrinaxe por todo tipo de traballos por toda a cidade de Nova Orleans, que Ignatius irá saboteando para adaptalos á súa valía intelectual. Como é superior, pode chegar tarde, revolucionar aos empregados contra o sistema, disfrazarse excentricamente… en cada emprego desencadea unha aventura máis disparatada, pero resignado, acepta someterse a esa terrible escravitude, no terminando nunca de encaixar nunha sociedade tan absurda como el.
Deambulando por unha Nova Orleans descrita de forma excelente, asistimos a un desfile carnavalesco de personaxes igual de divertidas e estrambóticas que Ignatius. Aí están por exemplo a nai de Ignatius, tan fráxil e á vez manipuladora, que decide ceder aos consellos dos seus amigos para obrigar a o seu fillo a gañarse a vida; Jones, o entrañable negro que tan ben representa ao traballador escravo, discriminado e explotado por todos; a Señorita Trixie, divertidísima octoxenaria senil que fai de parella cómica do Señor González na fábrica; o ridículo patrulleiro Mancuso; Darlene, a stripper do tugurio de mala morte chamado “a cacatúa”…
Paulatinamente, váisenos mostrando todo un circo de personaxes caricaturescas, un carnaval expresionista de xentes estrañas que tentan vivir e sobrevivir nunha non menos surrealista Nova Orleans, que o lector de “A conxura dos necios” pode mesmo chegar a cheirar.
Con todas as bizarras situacións que provoca a persoa de Ignatius no libro, John Kennedy Toole acada un despiadado retrato da nosa sociedade, tan real como divertido. O lector asiste a unha comedia que non o é en absoluto, a unha enorme farsa que agocha en gran medida unha sutil tristura subxacente, máis aínda sabendo do tráxico final do seu autor.
O lector experimentará una serie de contraditorios sentimentos que se exemplifican na rotunda personaxe de Ignatius Rilley, un ser tan mesquiño como fascinante, un intelectual e un imbécil, repugnante e antipático, mentireiro e cruelmente sincero, desprezable á par que entrañable… Unha personaxe que xenera as situacións máis desastrosas e delirantes, aínda que como ocorre con Don Quijote, estas terán unha estraña lóxica interna.
Sorprende a mestría literaria de Kennedy Toole, que consegue co seu corrosivo ton humorístico una excelente descrición do xénero humano e as súas miserias, que nada teñen que envexar á visión de Cervantes, Swift ou Rabelais.
Narrada na súa maior parte en terceira persoa, “A conxura dos necios” inclúe tamén saborosos extractos dos escritos de Ignatius nos seus cadernos caligráficos Gran Xefe, onde a primeira persoa resulta tan brillante e esclarecedora como o resto do libro, ademais de cartas á súa (tamén peculiar) amiga e rival, Myrna Minkoff, a versión feminina de Ignatius, unha trapalleira revolucionaria coa que mantén unha descojonante relación epistolar de amor/odio.
Salvando as distancias, Ignatius Reilly ben podería ser unha auto-caricatura do seu creador.
Como Ignatius, John Kennedy Toole (1937-1969) viviu longo tempo baixo a sobreprotección da súa dominante nai, Thelma Toole. Como el, tamén traballou nunha fábrica de roupa, coñeceu os baixos fondos de Nova Orleans, vendeu comida nun posto ambulante e escribiu sen parar para crear unha obra mestra rexeitada por todos.
Tanta sospeitosa similitude non fai máis que magnificar esa ironía tan cultivada polo autor, que acabaría a súa vida tráxicamente ao verse ninguneado por todas las editoriais ás que enviou o seu manuscrito. O pobre home nunca vería publicada a súa obra.
Moi pouco se sabe das suas tres décadas de vida. O autor de “A conxura dos necios” naceu nesa Nova Orleans que tan ben describiu e dende pequeno, destacou como un magnífico estudante. Tras varios traballos como profesor de inglés, viuse obrigado a acudir a filas no Exército dos Estados Unidos, onde tamén se dedicaría á docencia ensinándolles inglés aos recrutas de fala hispana en Puerto Rico.
Dende 1961 serviu ao Tío Sam mentres comezaba a escribir “A Conxura”. En 1963 regresaría á súa cidade, onde se adicaría a rematar, entre emprego e emprego a súa gran novela. Unha vez finalizada, confiando na (indubidable) calidade do manuscrito, tentou publicara, pero en todas as editoriais o mandaron á merda. A saúde mental de Toole foi deteriorándose ao ver que os seus esforzos non daban froito e comezou a beber como un escritor e latar ao traballo.
Deprimido, o pobre home decidiu acabar coa súa vida en 1969 poñendo o extremo dunha mangueira no tubo de escape do seu coche e o outro na ventá. Durmíndose prácidamente, deixou este mundo cruel cunha nota nas mans, que a súa nai destruiría ao descubrila, deixando á humanidade sen saber cales foron os seus derradeiros pensamentos.
Sen embargo, é a Thelma Toole a quen lle debemos que “A conxura dos necios” poida ser disfrutada hoxe en día. Incansable, percorreu todas as editoriais para que alguén lera o manuscrito, que como boa nai, ela consideraba xenial. Por fin, o editor Walker Percy, esgotado de tanta insistencia, accedeu a botarlle un ollo, ao primeiro con escepticismo, pero a medida que ía lendo a obra, viuse completamente absorbido pola súa sorprendente xenialidade, chamando a atención da xente da oficina polas súas escandalosas gargalladas.
Unha vez lida a obra, Walker comprometeuse a publicar esa obra mestra en 1980, case 20 años despois de ser escrita, e un ano despois gañaría o Premio Pulitzer de novela de ficción, converténdose nun fulminante éxito editorial en numerosos países.
Por suposto, Hollywood quixo adaptar en numerosas ocasións a novela ao cine (cousa dificil) e o mesmísimo John Belushi ía encarnar a Ignatius, pero o xenial actor morreu dunha sobredose cando as cousas parecían poñerse en marcha. Anos despois pensouse en John Candy, pero este tamén morreu pouco antes da pre-producción, e un pouco despois, o candidato sería Chris Farley… E sí… El tamén a palmou. Hoxe, o proxecto cinematográfico segue latente, e pénsase que un bó Ignatius podería ser o cómico Zach Galifianakis (“Resacón en Las Vegas”). Dada a maldición, a ver se este lle bota huevos.
Unha mágoa que o bo de John Kennedy Toole nunca chegara a ver como á súa criatura Ignatius Reilly entraba pola porta grande no olimpo das letras ao carón de Rodion Romanovich Raskolnikov, Harry Haller ou Gregorio Samsa … Cantos pringados como Tool haberá hoxe en día presentando tesouros en editoriais, e sendo educadamente mandados a tomar polo cu? Joder… Ábreseme a válvula só de pensalo.
En fin… Mellor rematar coas palabras do sempre sabio Ignatius:
“Cando Fortuna fai xirar a súa roda cara abaixo, vaite ao cine e goza máis da vida…”
música cine libros series discos entrevistas | Achtung! Revista | reportajes cultura viajes tendencias arte opinión
Hai xa anos que lin esta novela, pero acaban de entrarme ganas de recuncar hoxe mesmo…
Dalle! Non perdas un inuto máis sen volver a ese libro!