Seleccionar página

Opinión, Marcos SanLuis

Por Marcos Sanluis

Hai catorce anos a escritoria e xornalista Ángeles Caso publicou nunha revista semanal unha man de reflexións logo da morte de Diana de Gales baixo o título Monstros de fin de século. Daquela, Caso escribiu, entre outras cousas, o que segue: “Proclamo igualmente la muerte de la privacidad: éste es el mundo del exhibicionismo. El más aplaudido no es el que más y mejor hace, sino simplemente el que más y mejor posa. Ahora, cultar el dolor, que siempre se ha considerado una actitud digna hacia uno mismo y respetuosa hacia los demás, es tanto como decir: No me duele. Diana de Gales triunfó porque supo exhibir su dolor”.

Catorce anos despois, as reflexións de Ángeles Caso mateñen plena vixencia e acertan de cheo nunha das fondas eivas da nosa sociedade: a perigosa posibilidade de que a estupidez humana de parte dos que se poñen diante das cámaras se estenda a parte dos que se sentan diante do televisor.

A chegada das cadeas privadas presentouse como un avance notable para o Estado Español: máis canles –sostiñan- implicaba maior oferta, maior competitividade, maior calidade, maior pluralidade. Co tempo, e coa implantación da TDT, a oferta televisiva multiplicouse en cantidade de botóns que se poden pulsar no mando a distancia.

O resultado deste proceso que rachou o monopolio público televisivo non pode ser máis desacougante. Mediaset, o grupo multimedia controlado por Silvio Berlusconi, tense feito con boa parte da oferta televisiva. Xestiona dúas cadeas xeralistas (Telecinco e Cuatro) e outras catro derivadas da distribución do sinal dixital. Da súa factoría teñen saído algúns dos paradigmas da chamada, en castelán, ‘telebasura’.

Xunta a consolidación de Mediaset, outro dos procesos que se ten rexistrado no panorama televisivo estatal é a irrupción da dereita extrema e de grupos ultraconservadores na TDT. O casomáis salientable é o de Intereconomía, grupo que  disfraza de información o que non é máis ca rancia propaganda de inspiración franquista.

O terceiro proceso que se ten consumado é a transformación de RTVE coa procura da súa desgobernamentalización e maior autonomía. É, se cadra, a única luz nesta pintura de sombras; sombras que tamén se botan enriba do ente público cando o PP desliza a idea da súa privatización.

A multiplicación de canles televisivas non implicou nin máis calidade, nin máis pluralidade nin mellor oferta informativa e de lecer. A suposta información convértese en espectáculo, o rigor é substituído polo sensacionalismo e os códigos deontolóxicos da profesión xornalísticamorren diante da obriga da audiencia. As especulacións, os rumores, os
insultos e os infundios derrotan o vello oficio de contar o que pasa.

Algo ten de podre unha sociedade cando outorga as mellores cotas de pantalla a Sálvame e concédelle a un personaxe como Belén Esteban o título de Princesa del Pueblo. Algo ten de podre unha sociedade que tira pola fiestra unha cadea informativa (CNN+) para poñer no seu lugar Gran Hermano.

A sociedade mira para a televisión, ri e chora coas traxedias de quen primeiro perdeu o pudor e despois a súa dignidade para vender a súa vida ó mellor postor. Por detrás, quen move os fíos afonda na transformación dun sistema que fixo crer a algúns que o soño era posible. Cando espertemos, o televisor seguirá prendido e a esperanza apagada.

Achtung | Revista independiente cultural e irreverente | literatura, música, cine, series, cultura, viajes, tendencias, arte, opinión, pintura, escultura, gastronomía, arquitectura, street art, discos, libros, películas

Comparte este contenido