Por Miguel Calvo Santos
E hai miles de razóns máis… Todo eloxio para un actor dese calibre é pouco. Sirvan estas liñas para lembrar algúns dos aspectos máis interesantes da vida e obra do tipo que foi Vito Corleone, Emiliano Zapata, Stanley Kowalski, Terry Malloy ou o Coronel Kurtz.
1. Era o máis chulo, e con razón.
Hai chulos que molan e chulos que non molan. Brando, evidentemente molaba. Arrogante e irrespectuoso, sabía que era un dos grandes, e esa chulería aínda o facía máis grande. Hai miles de frases súas nas que expón unha actitude pouco modesta, pero esta pode resumir perfectamente o que pensaba de si mesmo: “Encantaríame que colgaran un retrato meu na lúa e dende aló observar o Universo coa mesma superioridade coa que mirei sempre o mundo”. Correcto, Marlon… eras superior.
2. El era O Actor
Ao pouco de entrar Marlon no Actor’s Studio, Stella Adler propuxo como exercicio para os alumnos interpretar galiñas que descobren unha bocina no curral. Todos se puxeron a aletear polo escenario, pero Brando subiuse a un armario e quedou quieto. “Que fas?”, preguntou Adler. “Son unha galiña, non sei o que é unha bocina”. Esa forma de actuar fixo del un dos abandeirados do Método. Para el, actuar non existía. Non interpretaba unha personaxe… era a personaxe.
3. Odiaba actuar
Pese a ser o mellor, Brando detestaba o seu traballo e consideraba a figura do actor moi sobrevalorada: “Aplaudirían se fose un bo fontaneiro…?”. Se cadra tiña razón e os actores reciben demasiada atención por parte da prensa e o público por un traballo que non é tan útil para a supervivencia humana como pode ser fontaneiro ou cociñeiro.
De feito, Brando consideraba a profesión de actor o oficio máis estúpido sobre a terra… o que o convertía a el no estúpido máis grande da historia.
4. Odiaba os premios
Quen era ninguén para premiar a Brando? Brando era o mellor, e punto. Un premio non era nada para el, e cando gañou o seu primeiro Oscar por “A lei do silencio” xa pensara en mandar a un taxista a recollelo. Ao final foi el, pero esa sería a última vez.
Cando recibiu a estatuíña por “O Padriño”, Brando estaba bastante comprometido co Movemento Indio Americano, unha agrupación claramente antisistema, polo que decidiu non presentarse e mandar recoller o galardón a Pequena Pluma, una nativa americana que criticou no seu discurso á industria do cine por ter tratado tan mal ao seu pobo. Mentres a india despotricaba as palabras de Brando, nunha esquina estaba John Wayne, seguramente pensando en sacar a escopeta e empezar a tiros contra eses indios que tanta guerra lle deran nas pelis, e de paso levarse por diante a ese maleducado de Brando.
5. El creou a Vito Corleone
Ninguén na Paramount querían como Vito Corleone a Brando, que daquela era todo un grao no cu para a industria. Pero Coppola púxose parvo e ao final cederon con varias condicións. Unha delas era facer unha proba de cámara, pouco menos que un insulto para unha estrela do calibre de Marlon Brando.
Cando Coppola foi á súa casa para gravalo, Marlon abriu a porta con melenas e vestido como un beatnick. “Merda” debeu pensar o bo de Francis “Se cadra equivoqueime pensando que un hipster de 47 anos podía interpretar a un mafioso de 65”. Antes de que cundira o pánico, Brando simplemente transformouse en Don Corleone. Tinguiu o pelo con betún, encheu a boca de papel hixiénico e adoptou a mítica voz cascada do Padriño e os seus xestos coas mans, gravando un par de improvisacións.
Cando Coppola chegou coa cinta á Paramount, os executivos dixeron “Ves, Francis? Xa che dixen que esqueceras a Brando… Quen é este vello? É fantástico!”
6. Rouboulle protagonismo a un gato!
Algo nada doado. Estamos a falar do aristócrata da natureza, todo un perdoavidas que te pode matar a rabuñadas se non lle das o que quere ou non acapara toda a atención. Pero Brando conseguiu dominar ao felino que sal con Don Corleone nunha das escenas máis famosas de “O Padriño”. Cóntao James Caan: “Calquera outro cun gato nas pernas non podería evitar que o animal se convertera no centro de atención, pero Brando chega ao punto de limpar os pelos do animal, cun xesto brevísimo, ao erguerse da cadeira.” O caso e que a idea do gato foi do propio Brando, que o viu paseando polo plató e propúxolle a Coppola concederlle un cameo no film.
7. Era todo un peso pesado.
Antes de converterse nun freak obeso, xa había rumores de Brando era bastante pesado.
Durante a rodaxe de “O Padriño”, había unha escena no hospital onde uns enfermeiros debían subir ao malferido Padriño en camilla á súa habitación. Os actores queixáronse do peso de Brando, polo que Coppola decidiu substituílos por membros do equipo de construción, máis afeitos a cargar peso. O actor, un pouco ofendido por este detalle, escondeu na padiola uns pesos de 90 kg. Así, a camilla pesaba un total de 270 kg. As persoas que fixeron de padioleiro pasárono realmente mal cando Coppola dixo “Acción!” e tiveron que subir a Vito Corleone a pulso.
8. Podía interpretar calquera raza.
As súas caracterizacións chegaron a puntos delirantes. Unha cousa é tinguirse de loiro e interpretar a un nazi ario en “The Young Lions” (1958), ou mesmo caracterizarse de mexicano para “Viva Zapata!” (1952), pero ver a un Brando chino en “A casa do té da lúa de agosto” (1956) con ollos rasgados incluídos, ou a un Brando Hindú en “Candy” (1968) foi demasiado surrealista.
Contaba Billy Wilder que cando Stanley Kramer preparaba a rodaxe de “Fuxitivos” na que un preso negro e outro branco foxen do cárcere, Kramer presentoulle o guión a Robert Mitchum e este respondeu: “Non penso actuar cun negro”. Marlon leu o guión e dixo “OK. Quero participar se podo facer de negro”. Só o superou o psicópata de Kirk Douglas, que tamén lera o texto, e replicou “Acepto, cunha pequena condición… Quero facer os dous papeis”. Finalmente o papel foi para Tony Curtis.
9. Tamén foi actor porno
Brando actuou en “Último tango en París” (1973), de Bertolucci, na que interpreta a un deprimido estadounidense expatriado que inicia unha relación cunha moza parisina (Maria Schneider). Brando e Schneider saíron espidos rocanroleando todo o tempo, e o filme foi cualificado como X na súa estrea. A famosa escena ca manteiga foi, como non, idea de Brando, e as bágoas da Schneider cando a sodomizan son absolutamente reais.
10. El inventou o rock and roll
Antes de Elvis, Brando corrompería a mente de miles de mozos con “Salvaxe!” (1953), onde o actor interpreta a Johnny, líder dunha pandilla de moteiros vestido de coiro negro e atentando contra o mundo adulto. Puro rock and roll resumido nun diálogo mítico da peli:
MOZA: Contra que te estás a rebelar?
JOHNNY: Que tes por aí?
Brando, un rebelde sen causa, xa fora expulsado do instituto por conducir en moto polos pasillos, e da academia militar por insubordinación. De aí o carismático realismo de Johnny e a histeria xuvenil que provocou a película, que desembocaría inevitablemente no RNR. De feito, na súa primeira época, Elvis vestiría tal cual como o rebelde Johnny.
Pese a todo, a Brando nunca lle gustou o Rock. Odiaba a Elvis e aos Beatles. “Odio o RNR. É feo. Gustábame máis cando era dos negros en 1927”. El era máis de jazz. Sobre todo o rollo afrocubano.
11. Foi inventor
Como amante do jazz, Brando converteuse co tempo nun virtuoso percusionista. Mesmo recibiu clases de Tito Puente e chegou a tocar con el nalgún show no Palladium.
Pouco antes de morrer, o actor deixou patentado un dispositivo para tensar o bongo.
12. Os beatles bautizáronse así por Marlon
En “Salvaxe”, a banda rival de Jonnhy chamábanse Os Beetles, polo que é máis que evidente a influencia do Universo Brando no cuarteto de Liverpool. Anos máis tarde, estes ye-yés homenaxearían a Marlon incluíndo a súa foto na portada do “Sgt. Pepper’s” xunto a outros mitos como Marilyn, Poe, Aleister Crowley, Bob Dylan ou Karl Marx.
13. Deitouse con Marilyn
Non todo o mundo pode presumir de tal fazaña. Tamén compartiu ese honor o inefable Kennedy, co que o actor tivo unha pequena amizade na que non faltaron bromas sobre o peso de ambos. Nunha cea, medio piripis, o presidente apostou que estaba máis delgado que Brando e ambos contrastaron lorzas enriba dunha báscula. O borracho JFK non se decatara de que mentres se pesaba, o actor puxera o pé sobre a báscula, perdendo a aposta. En todo caso, que importan uns quilos de máis cando ambos compartiran alcoba coa muller máis fermosa do mundo?
14. Cabreou a Sinatra (e sobreviviu)
O certo é que estes dous mitos nunca se caeron ben, sobre todo despois de que Brando lle roubara o papel en “A lei do silencio”, un papel feito a medida de Sinatra.
Todo se complicou máis cando coincidiron no trapalleiro musical “Guys and Dolls” (1955). Brando era un perfeccionista que repetía unha escena 100 veces se facía falta e Sinatra, pola contra, era un home dunha soa toma. Xa o primeiro día de rodaxe, houbo que repetir oito veces unha escena na que Sinatra tiña que comer unha tarta de queixo. Ao final, farto de tanta repetición e co bandullo cheo, Sinatra entrou en cólera e marchou do plató berrando: “Estes fodidos actores neoyorquinos! Canta tarta de queixo cres que podo comer…?”
15. Conseguiu que Chaplin pedira perdón
Foi en “A Condesa de Hong Kong” (1967). Chaplin tiña 80 anos e escolleu a Brando como protagonista porque era un dos poucos actores dignos da súa xenialidade. Pero esa admiración mutua non evitou a tensión na rodaxe, xa que Chaplin era un auténtico tirano. Un día, Brando chegou quince minutos tarde, algo moi normal nunha estrela de cine, pero Chaplin non pensaba o mesmo. Foise a el e díxolle que era unha vergoña para a profesión. Marlon non se alterou. Só dixo que se retiraba ao seu camerino e que permanecería 20 minutos aí. Se nese tempo non viña pedir perdón, xa se podía esquecer do seu actor protagonista. Nin o mesmísimo Chaplin conseguiu que baixara a cabeza. En poucos minutos, aí estaba o gran mito do cine desculpándose cun actor que podía ser seu fillo.
16. Foi o único que puido substituír a Kubrick!
Foi a primeira e última película que dirixiría Brando, “O rostro impenetrable” (1961). Nun principio, empezou a dirixila Kubrick, pero tras meses de discrepancias, o intrépido Marlon decidiu poñerse el mesmo tras das cámaras.
Nunha ocasión tivo agardando ao equipo nunha praia ata que as ondas foran «perfectas». Pasaron horas ata que o axudante de dirección fíxolle saber que estaba mirando polo lado equivocado do visor. «Maldita sexa!” dixo Brando “Non me estraña que leve unha semana de atraso!». Para o meu gusto, a peli é excelente, aínda que seguramente sería mellor con Kubrick tralas cámaras.
17. Actuou morto
Só el podería facer iso! Levaba dous anos morto, pero retomou a súa personaxe de Jor-El, o pai de Superman para “Superman Returns” (2006), e non o fixo mal, aínda que fora en imaxes de arquivo. Despois de todo el era o Superman da actuación. A ver cando nos sorprende con outra película.
18. Non se aprendía os guións.
Por incrible que pareza, memorizar palabras non era o seu forte e isto dou lugar a miles de anécdotas en todas as súas películas. Papeis grampados nas costas de outros actores, pos-its nas súas frontes, chuletas agochadas nos lugares máis insospeitados, Brando pensando que demo era o que tiña que dicir mentres todos pensaban que estaba actuando maxistralmente… Pero isto non era de todo negativo pois moitas das súas improvisacións pasando olímpicamente do libreto quedarían para a historia.
19. El creou ao Coronel Kurtz
Precisamente, este foi un dese casos nos que o actor nin se dignara a ler as súas liñas.
Coppola, histérico pola catastrófica rodaxe de “Apocalypse Now”, deixou as escenas con Brando para o final, xa que o astro cobraba unha pasta gansa por apenas media hora de metraxe. Esperaba a un Coronel Kurtz delgado e co guión aprendido, pero cando chegou Brando ás Filipinas como una vaca, sen saber as súas liñas e ca cabeza rapada ao cero, ao director case lle da un infarto. No problem! Como ocorrera con Corleone, o actor logrou, non meterse na pel de ninguén, senón inventalo, converterse literalmente noutra persoa. E aí queda para a posteridade o fascinante Kurtz, ese tipo de 120 quilos dicindo frases inconexas na penumbra para que non se lle notara o sobrepeso.
20. Actuaba en calzoncillos
Efectivamente. Foi en “The Score” (2001), a súa derradeira película xunto aos seus discípulos De Niro e Edward Norton. Marlon quería primeiros planos para non vérselle moito a súa enorme barriga. O director Frank “Teleñecos” Oz discrepaba. Con planos máis abertos podía mostrar aos dous mitos no mesmo encadre. A solución de Brando? Acudir ao rodaxe en gallumbos para obrigar a Oz a sacalo de cintura para arriba: “Eu non son unha desas marionetas túas ás que lles metes a man polo cu para que fagan o que ti queiras”.
21. Quixo dar un golpe de estado nos USA
Un tipo comprometido coa sociedade este Marlon. Apoiou todas as causas posibles: Contra a guerra de Vietnam e Corea, polo medio ambiente, co pobo indio, cos xudeus, cos compañeiros da caza de bruxas, cos Panteras Negras…
A noite que mataron a Luther King, Brando quedou espantado. Enfurecido, pillou o teléfono e chamou ao cuartel xeral dos Panteras para pedirlles armas e marchar con eles sobre Washington. Mágoa que non o chegara a facer. Se cadra hoxe viviríamos nun mundo mellor.
22. Calquera de nós podemos ser descendentes de Brando
E é que Marlon tiña dúas paixóns: a comida e o sexo. A lista de amantes é extensísima: Ava Gardner, Marilyn, Ingrid Bergman, Edith Piaf, Marlene Dietrich, Sara Montiel (!), Bette Davis… E tamén homes: Burt Lancaster (!), Lawrence Olivier, James Dean, Monty Clift, Henry Fonda (!!).
Coas súas mulleres sabemos que tivo 11 fillos recoñecidos, pero como era moi afeccionado aos polvos dunha noite, tamén hai un senfín de nenos ilexítimos (calcúlanse uns 30) que poderían perfectamente ser descendentes do actor.
O vástago máis surrealista? Courtney Love! Si, amigos… Fai pouco descubriuse que a avoa desta muller-mal rollo pasou unha noite con Marlon, e de aí a 9 meses naceu a nai da viúva de Cobain. A pesar deste ADN, semella que esta horrible muller non herdou do seu suposto avó o talento da interpretación.
música cine libros series discos entrevistas | Achtung! Revista | reportajes cultura viajes tendencias arte opinión
Bonita referencia a Marilyn no 50 aniversario da súa morte, que foi o outro día.
Ela foi grandísima. Intelixente, sensible, consciente do seu atractivo e por desgracia, moi vulnerable sobre o que dicían dela. A súa vida e a súa morte (asasinato?) foron unha continua traxedia, pero aí quedaron as súas excepcionais películas: «Jungla de asfalto», «Con faldas…», «Misfits»…