Seleccionar página

Por Miguel Calvo Santos

hitler-omisantroponamorado-musica-discos-revista-achtung

Cantas mentiras se contan…! E como dixo Goebbels, de tanto repetilas ata se converten en verdades! Ou non foi el quen o dixo…?

Os 10 seguintes rumores poden ser verdades, inventos, lendas urbanas ou falsos mitos. Poden ser absurdos, poden ser incribles e poden ser ata probables. O caso é que todos circulan por aí sen control, tendo como obxectivo ás mentes máis crédulas e paranoicas, as máis sedentas de mitoloxía… As nosas.

1. Jim Morrison vive en África

Todos escoitamos iso de que Elvis segue vivo… Ben, e porque non? É bastante probable que un millonario agobiado pola fama ou outros inimigos decida desaparecer do mapa dun día para outro finxindo a súa morte. Deste xeito, a venda de discos multiplícase, e podes vivir tranquilamente no anonimato sen presións.

No caso de Jim Morrison, son moitas voces as que afirman que o Rei Lagarto vive na actualidade en África, seguindo os pasos do seu adorado Rimbaud, que antes dos 19 anos xa escribira toda a súa obra e marchou a vivir unha nova vida ao continente negro.

A verdade é que cando Morrison morreu (presuntamente de sobredose), vivía exiliado en París debido a serios problemas ca xustiza norteamericana, non existe unha autopsia documentada do seu falecemento e ao seu funeral só acudiron a súa moza Pamela e un funcionario, polo que as sospeitas de que siga vivo non son de todo descabeladas. Ademais, sábese que tanto as súas tarxeta de crédito como o seu pasaporte seguen aínda vixentes, como así o estipulou o cantante no testamento dias antes da súa morte. Raro, eh?

De tódolos xeitos, é moi recomendable visitar a súa tumba no parisino cemiterio de Pere Lachaise, un fermosísimo lugar onde ademais de render tributo a Mr. Mojo Risin podemos visitar as sepulturas de Oscar Wilde, Stiv Bators ou Edith Piaf.

2. Hitler tiña un só testículo

Xa dende a segunda guerra mundial se estendeu este encantador rumor. Segundo parece, Hitler perdeu un collón na batalla de Somme en 1916 e así o testemuñou Johan Jambor, un médico veterano da primeira guerra que atendeu persoalmente a Adolph.

Que hai de certo nisto? Nunca o saberemos, e dende logo, cústame fiarme do tipo que lle salvou a vida ao Führer. Máis tendo en conta outros falsos rumores que afirman que Hitler era baixiño (en realidade, medía 1,80, unha estatura bastante aceptable para a época), que era zoofílico (en concreto, coa súa cadela Blondi) e mesmo que era xudeu…

En fin… o que si sabemos a ciencia certa é que, con un ou dous huevos, este pedazo de escoura practicaba o sexo. Iso si… á súa particularísima maneira. Para empezar, abusaba da súa sobriña de 17 anos, Geli Raubal e obrigábaa a mexarlle na cara, polo que a pobre rapaza decidiu suicidarse ao ver a onde estaba chegando a cousa. Tamén practicaba cochinadas coa actriz René Müeller, que segundo afirmou, a Hitler lle gustaba facelo sobre sofás e sempre recibindo todo tipo de humillacións. Afirmouno xusto antes de “suicidarse” ao tirarse por unha ventá.

Finalmente, o entrañable Hitler estabilizaría un pouco a súa axitada sexualidade ao coñecer a Eva Braun, unha rubia con coeficiente sub-zero que non supoñía unha ameaza para o seu intelecto, e coa que podía practicar o sexo máis hardcoriano. Como todos sabemos, a pobre Eva tamén acabou os seu días suicidándose xunto ao amor da súa vida… a non ser que, como Morrison, Hitler decidira finxir a súa morte e vivir prácidamente en Arxentina, como tamén se rumorea…

keithrichards-omisantroponamorado-musica-discos-revista-achtung3. Keith Richards cambiou o sangue

É normal que tras tantos anos de abusar do seu corpo e seguir de tan boa forma xurdan este tipo de ruxerruxes sobre o bo de Keith, e hai que dicir que algo de verdade pode haber na cousa.

En 1973, Richards era todo un adicto á brown sugar, e aconsellado por Marshall Chess decidiu levar a cabo unha hemodiálese nunha clínica suíza para estar presentable na xira de “Goats Head Soup”.

A hemodiálese é un tratamento para eliminar toxinas do sangue, pero de aí a cambiar todo o sangue pola dunha persoa san (hai quen di que mesmo a cambiou pola de varios bebés) hai boa diferencia, non?

O propio Richards, moi afeccionado a propagar falsos mitos sobre si mesmo (O máis rocambolesco é que nifrou as cinzas do seu pai) sempre bromeou co tema, e unha das súas bromas favoritas consistía en abrir a chupa e preguntar aos colegas de vez en cando “Hei…! Que vos parece o meu novo cambio de sangue?”

4. O epitafio de Groucho

É unha verdadeira mágoa, pero é falso que na tumba de Groucho Marx pon “Perdoen que non me levante”. Só hai que ir ata o Eden Memorial Park en San Fernardo (California) para comprobar que esta non é outra das xenialidades do ilustre Irmán Marx.

Podería ser certo, sen dúbida. Sobre todo coñecendo a cantidade de frases xeniais pronunciadas, tanto nas pelis como na vida real, por ese fenómeno: ”Estes son os meus principios. Se non lle gustan, teño outros”, “A política é a arte de buscar problemas, atopalos, facer un falso diagnóstico e aplicar despois os remedios equivocados”

Pero na tumba en cuestión (un nicho, para ser exactos) só pon o nome artístico do humorista, as datas de nacemento e defunción e unha estrela de David. Nin rastro da famosa cita.

É igual. Mola moito máis a lenda que a realidade, así que sigamos estendéndoa como bos misántropos aínda que non teña fundamento ningún!

5. “Stairway to Heaven” ao revés

Led Zeppelin, ademais de ser unha das mellores bandas de rock da historia, eran moi afeccionados ao ocultismo (Jimmy Page mesmo mercou a mansión do ocultista Aleister Crowley). Hai innumerables anécdotas sobre este tema, pero sen dúbida a máis cachonda é a que afirma que escoitando “Starway to Heaven” ao revés pódense apreciar mensaxes satánicas, en concreto isto:

«Oh here’s my sweet Satan. The one whose little path would make me sad, whose power is Satan. He’ll give those with him 666, there was a little toolshed where he made us suffer, sad satan»

Coincidencia? Engano das orellas? Ou é verdade que o grupo decidiu homenaxear a Lucifer para pagarlle o seu triunfo…? Non importa, amigos. Se non tedes vida propia e dispoñedes de tempo libre, adicádeo investigar este curioso fenómeno e sacar as vosas propias conclusións. Despois de todo, se vos mola Led Zeppelin, seguramente sexades afeccionados ao cannabis, así que pasade un bo rato.

Evidentemente, Led Zeppelin non foron os únicos en enxertar mensaxes satánicas nos seus discos. Dende Robert Johnson ata as Ketchup, o Anxo Caído está presente na música que consumimos.

Tamén hai quen afirma que escoitando o “Sarri, Sarri” de Kortatu ao revés, xurde a melodía do himno de España. Misterios do rock and roll.

6. “Mama” Cass Elliot afogou comendo un sándwich de xamón

A realidade foi que a cantante de The Mamas & The Papas morreu sinxelamente dun fallo cardíaco mentres durmía, probablemente provocado polas dietas radicais ás que se someteu nos seus últimos dias para perder peso. Na autopsia non se atopou rastro algún de comida na gorxa, pero como a maldade do ser humano non ten límites, axiña se correu o rumor de que a “gran” cantante afogou nunha orxía gastronómica. O feito de que o ingrediente mortal fora o xamón é algo que escapa de todo entendemento. Se cadra o rumor foi promocionado polos fabricantes de chourizo ou mortadela para afundir o diabólico mercado do xamón.

Outro dato curioso do caso é que catro anos despois da morte de Cass, morrería Keith Moon, non só na mesma casa, na mesma habitación e na mesma cama, senón á mesma idade. O cabodano da cantante é o vindeiro 29 de xullo, por se alguén quere homenaxear a unha das voces de “California Dream” degustando unha boa pata de porco.

7. Marilyn Manson actuou en “Aqueles marabillosos anos”

Moitos de vos lembraredes esta serie algo rancia na que Kevin Arnold rememoraba os anos 60 da súa infancia, e tamén lembraredes ao amigo “Milhouse” de Arnold, un tipo narizotas con gafas de cu de vaso que respondía ao nome de Paul Pfeiffer.

A verdade é que o parecido entre ambos é bastante razoable, e pese a que o Reverendo Manson non se cansou nunca de desmentir tan absurda lenda urbana, hai quen segue pensando que Paul Pfeiffer foi encarnado polo cantante. Nada máis lonxe da realidade. Manson chámase en realidade Brian Warner mentres que o actor que interpretaba a Pfeiffer é un tal Josh Saviano, hoxe avogado… ou non…? Se cadra é certo que son a mesma persoa!

De tódolos xeitos, o importante é que moreas de pais aínda andan acojonados, convencidos de que calquera freak inofensivo pode acabar converténdose nun monstro diabólico co paso dos anos.

8. A portada do primeiro disco de Black Sabbath

Vaia obra mestra! Gravado en dous días cun presuposto de 600 libras, resultou ser un dos debuts máis espectaculares da historia do rock. E como tal merecía unha lenda urbana decente.

Disque cando se tomou a foto para a portada do álbum, non había ningunha muller por aí, só era a foto do (terrorífico) muíño de Mappledurham en Berkshire (podédelo visitar, previo pago de 8 libras e levar un pouco de fariña feita aí mesmo). Sen embargo, aí a temos… Unha perturbadora figura feminina mirándonos cun gato negro nas mans.

Os Sabbath afirman que aí non había ninguén. Bill Ward declarou: “Non lembro a ningunha muller… Vivíamos drogados as 24h do día…”. Outros din que a tipa en cuestión era unha modelo chamada Louise, morta nun accidente de tráfico pouco despois de tomar a instantánea. Probablemente nunca saberemos a verdade, máis que nada porque o fotógrafo que deseñou a carátula, Marcus Keef está actualmente en paradeiro descoñecido.

Terrorífico. Mais de un fixémonos caquita co medo mirando esa portada mentres soan as campanadas da primeira canción do disco.

 9. Famosas frases… nunca pronunciadas

Todos vimos Casablanca. Gran película. Sen embargo, segue circulando o mito de que nesa peli se pronuncia a frase “Tócala otra vez, Sam”. Hai quen di que esta é a mellor frase da historia do cine…!!!

A crúa realidade é que Bogart nunca dixo tal cousa. A frase máis próxima é: “Play It, Sam. Play “As Time Goes By”, e non a di Rick, senón Ilsa.

E hai moitos máis casos de frases nunca pronunciadas que pasaron á historia. 2 exemplos sangrantes: Sherlock Holmes nunca dixo iso de “Elemental, querido Watson”, polo menos nas novelas de Conan Doyle, e nos cómics de Spiderman, o Tío Ben nunca dixo iso de “Un gran poder conleva unha gran responsabilidade”.

thereseidents-omisantroponamorado-musica-discos-revista-achtung10. Matt Groening é membro dos Residents

Pódenvos gustar ou non, pero hai que recoñecer que os Residents teñen o mérito de manterse no anonimato dende hai máis de 40 anos! Nin sequera KISS aguantaron tanto.

Especulouse moito sobre quen podían ser eses tipos escondidos detrás das célebres máscaras do ollo xigante, e por suposto, xurdiron todo tipo de rumores, que nunca se sabe se poden ser certos.

O máis divulgado é que estes tipos eran en realidade, Lennon, McCartney e Frank Zappa, que quixeron facer música libremente dende o anonimato, pero hai teorías que apuntan a que co tempo, a formación foi cambiando e incluíu a membros como Hendrix, Phil Spector ou Jim Morrison (Si! Outra vez el!).

O rumor máis curioso apunta a que un dos membros máis lonxevos da banda podería ser Matt Groening, o creador dos Simpson. Sábese que Groening toca o cencerro na banda de Stephen King, The Rock Bottom Remainers, polo que tería suficiente base musical para formar parte dos Residents.

Ademais, escribiu varios artigos sobre eles, suxerindo que é un dos poucos que coñece as súas identidades, e formou parte da escena punk de Los Ángeles nos 80, onde a anónima banda tivo un notable éxito. Por se isto non é suficiente para afirmar que o home é un auténtico Resident, Matt organizou fai uns anos o festival All Tomorrow’s Parties, no que incluíu a músicos-colegas non aptos para tódolos públicos como Os Stooges, Daniel Johnston ou… Si. The Residents.

omisantroponamora-revista-achtung-opinion

música cine libros series discos entrevistas | Achtung! Revista | reportajes cultura viajes tendencias arte opinión




Share on Tumblr

Comparte este contenido