Seleccionar página

02_revista_achtung_porquemepeta_opinion

Por Marcos Sanluis

Se cando chegue este artigo ó seu poder acaba de perder o emprego ou a vivenda, ou ámbalas dúas cousas, non será boa idea que siga adiante coa lectura. Durante estes tres anos tódalas reflexións de economistas, políticos, sociólogos e comentaristas teñen xirado arredor da idea da crise como un drama, que o é. Pero case nunca –en parte polo pánico á censura na praza pública- se ten reflexionado sobre os seus beneficios e bondades, se as hai.

Na parte negativa tense dito practicamente todo: o paro, a imposición antidemocrática de gobernos e dun modelo económico, o grave risco de perda do estado do benestar, o enriquecemento daqueles que provocaron a crise ou a conflictividade social. Pero, ten producido algún beneficio? A resposta esixe o intercambio de opinións desde diferentes disciplinas, pero é posible suxerir algunhas ideas que conviden ó debate.

Nunha reportaxe, El País fixo un percorrido pola sorte que correron os reis do ‘ladrillo’ desde o estoupido da crise. É certo que entre a sociedade está moi estendida a idea de que algúns destes especuladores deberon purgar os seus pecados no cárcere e que finalmente conseguirán quedar co seu patrimonio persoal malia a caída das súas empresas.

Máis alá deste sentimento, o debuxo que fai Luis Gómez é elocuente: “a los protagonistas de los años dorados del mercado inmobiliario se los ha tragado la tierra. No hay música sino silencio a su alrededor. Se esconden detrás de abogados o agencias de comunicación […] . No aceptan entrevistas. No acuden a ningún acto social. No comparecen en reuniones sectoriales, ni están en condiciones de dar conferencias en escuelas de negocio. Algunos se debaten en la dura lucha por salvar su patrimonio personal y han vendido sus yates o sus jets”.

Moitos pensarán que non chega, que a débeda non está saldada. Pero, a caída destes empresarios non será un efecto positivo da crise?

A censura ós especuladores, ós banqueiros e ós políticos sempre obterá boa acollida. O exercicio é fácil porque ten o aplauso garantido de antemán. A autocrítica é máis complexa porque nos sitúa ante o espello, enfróntanos coa nosa propia contradición. Non será que a escala moito máis pequena compartimos algúns dos pecados con eses especuladores que tanto repudiamos?

A crise terá algún aspecto positivo, desde o punto de vista persoal, se somos quen de analizar o noso propio comportamento. Porque algo fixemos mal tamén os cidadáns cando en España os niveis de endebedamento familiar son máis preocupantes cá propia débeda pública. Podemos eludir de novo a nosa responsabilidade e afirmar que ten máis culpa quen concede o crédito ca quen o solicita. Podemos facelo, e ademais cargados de razón, pero, nese caso, a crise, para nós, non terá servido para nada.

A situación económica ten de positivo o que fagamos de autocrítica, a reacción social do 15 M, o desmantelamento, cando menos parcial, da inmoral concepción do éxito e dos camiños para chegar a el. Porque, no fondo, o problema non é a crise; o problema é como saímos desta.

A sucesión de renuncias avergonza desde o punto de vista democrático e sitúanos nunha perspectiva de peor calidade de vida, menos servizos públicos e menos dereitos laborais. Está en xogo a nosa propia concepción de cidadáns. É a propia crise a que ten que aprendernos esa lección.

Achtung | Revista independiente cultural e irreverente | literatura, música, cine, series, cultura, viajes, tendencias, arte, opinión, pintura, escultura, gastronomía, arquitectura, street art, discos, libros, películas

Comparte este contenido